No Valadouro os días 28 e 29 de agosto terán lugar as xornadas gastronómicas da carne de poldro.

Durante a fin de semana do 28 e 29 de agosto O Valadouro acollerá as xornadas gastronómicas da carne de poldro en colaboración coa Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega.

O Concello de O Valadouro anuncia que os interesados en degustar este manxar poderán facelo nos locais de hostalería de Ferreira do Valadouro, onde ofrecerán tapas gratuítas eses dous días.

A carne de poldro galego 100% raza autóctona é un produto baixo en graxa, alto en proteínas e moi rico en ferro. O consumo de carne de poldro recoméndase para toda a poboación e en especial para aquelas persoas que, ben sexa pola súa situación (embarazo, anemia) ou pola súa actividade diaria (deportistas) necesiten dunha alimentación altamente nutritiva.

Todos os poldros co selo de calidade 100% Raza Autóctona Cabalo de Pura Raza Galega críanse en liberdade nos montes galegos, o que asegura o benestar do animal. Por tanto a carne é un produto de calidade, sostible e de produción local que promove a continuidade de razas autóctonas e axuda a conservar o patrimonio gandeiro xeración tras xeración.