O 11 de marzo haberá en Ribadeo contacontos para @s máis pequen@s, concerto de rock e a posposta Queima do Entroido.

O vindeiro sábado, día 11, haberá diversas actividades culturais en Ribadeo: contacontos para @s máis pequen@s, concerto de rock e queima do Entroido. O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, subliña que “a queima foi aprazada debido ao aviso de fortes ventos na zona para a noite do pasado sábado”.

O edil nacionalista contou que “unha das mellores narradoras galegas, Raquel Queizás, estará cos seus Nanocontos este sábado ás 17.30 horas na biblioteca El Viejo Pancho. Trátase dun espectáculo que estimula as habilidades de percepción espacial e psicomotricidade dos bebés a través de pequenas historias adaptadas para captar o seu interese e cunha duración apropiada á súa capacidade de atención”.

Farruco Graña dixo que “é unha actividade que se inscribe no programa Apego no que están inscritas polo de agora en Ribadeo unhas  50 familias. Asemade, desde a presentación do programa o mes pasado lévanse repartido 15 caixas de benvida a pais e nais con bebés, ou que están agardando a telo, e que teñen interese en transmitirlle o galego aos seus fillos e fillas”.

Nanocontos será na biblioteca este sábado ás 17.30 horas, con entrada libre ata completar o aforo que ten a sala e terá unha duración de 35 minutos.

O concelleiro de Cultura relatou que “a proposta cultural para este sábado tamén ten oferta para o público xeral. Na nosa idea de ofrecer variedade de xéneros as Músicas Posíbeis presentan desta vez á banda sevillana  Bittersweet, que trae o seu segundo traballo chamado curiosamente Ribadeo. Anécdotas á parte, dicir que é un disco con cinco cortes, que van desde o pop ata a psicodelia dentro dunha atmosfera de rock, guitarras e sintetizadores. Segundo a crítica as súas letras son ben diferentes da súa proposta anterior e abren novas posibilidades para os concertos en directo. Teremos ocasión de comprobalo o vindeiro sábado, día 11, ás 20.30 horas no Teatro”.

Farruco Graña engadiu: “e por último, tras o concerto, poderemos asistir á suspendida Queima do Entroido este sábado pasado, porque as predicións apuntaban a que podía haber vento. E con vento, non se poden botar os fogos de artificio. Se a velocidade supera os 36km/h, non se poden facer espectáculos de pirotecnia. O sábado pola mañá todo apuntaba (segundo as distintas predicións meteorolóxicas) a que ía haber ventos de ata 60km/h na Mariña luguesa. Foi por iso que, desde a organización, considerouse máis prudente aprazalo para o sábado seguinte e non realizar toda a montaxe do espectáculo e acabar suspendéndoa e perdendo todo o material. A programación prevista para o sábado 4 vaise levar a cabo o vindeiro día 11”.