O 13 de outubro terá lugar en Ribadeo o cuarto sorteo da campaña da FCAM na que se están a poñer en xogo máis de 10.000 euros en premios.

Este sábado, 13 de outubro, terá lugar en Ribadeo o cuarto sorteo da campaña da Federación de Comercio A Mariña que está a repartir máis de 10.000 euros en premios nos oitos sorteos que se desenvolven ata o 10 de novembro. En cada localidade participante póñense en xogo 1.500 euros en vales de compra para gastar nos establecementos asociados a cada Asociación de Comerciantes participante. 

Pasado mañá celébrase o sorteo en Ribadeo. Será na carpa instalada no parque de San Francisco a partir das 20:30 horas. En caso de choiva o acto trasladaríase á entrada do Cine Teatro, segundo advirten desde Acisa. 

Os seguintes sorteos serán en Foz o 20 de outubro e o 27 en Lourenzá. Continuarán en Xove o 3 de novembro e rematarán o 10 de novembro en O Vicedo. 

As persoas interesadas en participar nesta importante campaña da FCAM deben gardar os tíckets de compra nos establecementos asociados e entrarán nos sorteos de 1.500 euros en vales de compra en cada unha das oito asociacións de comerciantes da Mariña que forman parte da FCAM.

Os sábados dos sorteos durante todo o día e en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas na carpa instalada pola Federación de Comercio A Mariña realizarase o canxe dos tíckets polas papeletas que lle permitirán á clientela do comercio mariñá participar nos devanditos sorteos, que serán presenciais e na mesma carpa. Está previsto que todos dean comezo ás 20:30 horas. 

A FCAM repartirá máis de 10.000 euros premios en menos de dous meses, nunha campaña que está consolidada entre a poboación da comarca e que serve para reactivar as compras no comercio de proximidade durante o outono. Está financiada pola FCAM, pola Xunta de Galicia coas súas liñas de axuda ao comercio e conta coa colaboración da Federación Galega de Comercio. 

En Viveiro, en Covas e en Burela xa se sortearon en total 4.500 euros en vales de compra para gastar nos establecementos asociados ao Centro Comercial Casco Histórico, a Beiras de Viveiro e á Asociación de Comerciantes de Burela.