O 16 de setembro terá lugar a IX Media Maratón Ribadeo-As Catedrais, que organiza o Concello.

O 16 de setembro terá lugar a IX Media Maratón Ribadeo-As Catedrais.O evento foi presentado hoxe. A inscrición para participar ábrese mañá, día 21. A Media Maratón está organizada polo Concello de Ribadeo co que colaboran, entre outros, El Progreso e Acisa. 

O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, indicou que “comeza o prazo de inscrición dunha nova edición da Media Maratón que vai desde a Praza do Concello ata As Catedrais e que será o 16 de setembro ás cinco da tarde. Ábrese o prazo de inscrición este venres a partir das 17 horas coas seguintes cuestións: para os 100 primeiros inscritos, 5 euros; a partir dos 100 en adiante ata o 17 de maio serán 6 euros; desde o 18 de maio ata o 25 de xullo, 7 euros; do 26 de xullo ao 15 de agosto, 8 euros; e desde o 16 de agosto ata o 12 de setembro, 9 euros. Para estas inscricións está aberto o portal championchipnorte.com”. 

O edil ribadense sinalou que “esta carreira non sería factible sen todo o voluntariado que se move, toda a xente que colabora, todos os que poñen ese grao de area para estar a disposición da organización. Quero dar as grazas tamén a todas as entidades que colaboran nesta edición”. 

Para Díaz Freije “este é un percorrido idílico, dunha beleza única, que vai ao carón da senda da costa e que pasa por Rinlo e por outros sitios moi bonitos de ver. Aparte é unha carreira que ten as súas peculiaridades e as súas connotacións. Animar a todos a que veñan participar porque van ser benvidos e benvidas ao concello de Ribadeo”.

O delegado do Progreso na Mariña, Xavier Lombardero, destacou a implicación de moitos ribadenses na organización dunha proba que o Concello conseguiu situar nestes anos como referente das media maratón no norte peninsular: “miles de atletas e afeccionados chegaron en equipo ou coas súas familias para disfrutar da carreira e da estadía en Ribadeo”. E engadiu: “os 21 quilómetros sobre asfalto, terra e zahorra seguindo o perfil dos acantilados e praias son unha marabilla para todas as idades e o grupo El Progreso está encantado de colaborar”. 

A presidenta da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Carmen Cruzado, manifestou: “en Acisa estamos encantadas e encantados de colaborar con eventos deportivos como esta Media Maratón, que reúne ano tras a ano a centos de deportistas en Ribadeo, que ademais de disfrutar da práctica do deporte e do espectacular percorrido da proba, tamén acoden a Ribadeo cos seus familiares. Todas elas e eles aproveitan a fin de semana para gozar da nosa vila e da súa contorna, para comer ou cear na nosa hostalería e para facer compras no comercio referente que seguimos a ter en Ribadeo…”. E subliñou que “toda actividade deste calibre ten repercusións na economía local e iso é sempre moi importante. Neste caso será no mes de setembro, algo que contribuirá a prolongar a tempada de verán… durante esa fin de semana”. 

No acto de presentación, que tivo lugar no Campo de San Francisco, participaron os concelleiros de Deportes, Igualdade e Turismo, Jorge Díaz, Mónica Freire e Pablo Vizoso, o técnico municipal de Deportes, Iván López, así como a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.