O 17 de xuño desenvolverase a Feira do Trece de Carballido, en Alfoz, que contará como novidade cun espectáculo ecuestre de doma e baile.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da asociación de veciños San Sebastián de Carballido de Alfoz, Jesús Paz Pumares, presentaron no Pazo de San Marcos unha das grandes novidades da Feira do Trece deste ano: o espectáculo Duende Ecuestre. A institución provincial achega máis de 3.200€ para a contratación deste evento dentro do programa do feiral, que se celebrará o 17 de xuño.

O mandatario provincial puxo en valor que esta será a primeira vez que este espectáculo, que combina doma e baile ecuestre, estea en Alfoz, o que de seguro será “un gran reclamo que completará o programa que a asociación tenpreparado para todo o día”. Así mesmo, Tomé Roca subliñou o pulo que esta cita colleu dende que esta asociaciónveciñal a recuperou no 2018, tentando emular as feiras que acollía o Lugar do Trece hai máis de 30 anos, sendo unha das máis punteiras da zona.

Ao acto de presentación na Deputación tamén acudiron a tenente de Alcalde de Alfoz, Arantxa Incera Ares, e o concelleiro de Deportes e membro do colectivo veciñal, César Marrube Novo. 

O espectáculo, que incluirá narración e música, componse de seis cabalos de pura raza española, unha egua e un poni. Dentro dos números que se poderán ver, contarase con varias actuacións de Sandra Borjas, campioa mundial de exhibición de cabalo de pura raza no Sicab 2021. 

Ademais, a feira pola mañáincluirá exhibición de gando vacún, cabalar, porcino e aviar, contando coa presenza de razas autóctonas; e tamén haberá á venda maquinaria agrícola, artigos de artesanía e produtos agroalimentarios da zona.Haberá música de batukada, dj e un xantar de confraternidade.  Xa pola tarde farase a entrega de premios da feira, así como un sorteo de agasallos. A cita rematará cunha cea e verbena.