O 18 de xuño será impartido na escola de Vilaframil, en Ribadeo, un curso sobre xardinería. Aínda quedan prazas libres.

Preto de 20 persoas asistiron na escola de Covelas a un curso de cestería de colmo con tireta de vimbio. Está a ser impartido por Lola Tourón, unha das cesteiras con mais renome de Galicia, de once da mañá a dúas do mediodía e de catro a sete da tarde. Ata Covelas se desprazaron esta mañá os concelleiros de Medio Rural e Servizos Sociais, Marcos Villamil e Mónica Freire, que valoraron de xeito moito positivo “a demanda que tivo este curso de cestería. Seguramente fagamos outra edición o vindeiro mes de setembro”.

Para o curso de xardinería, que se celebrará o vindeiro 18 de xuño en Vilaframil aínda quedan prazas libres “polo que as persoas que desexen asistir poden inscribirse durante a semana chamando ao teléfono do Concello 982 128 650”.

Villamil e Freire indicaron que “desde o equipo de goberno seguimos traballando para darlle contido ás escolas da rede municipal de Ribadeo, organizando actividades e xornadas interesantes, dinámicas e proveitosas para a veciñanza do noso concello”.

Estes cursos forman parte do Plan de Formación no Rural do Concello de Ribadeo, que deu comezo o ano pasado.