O 19 de decembro terá lugar no Concello de Ribadeo un obradoiro de CoCreación de Economía Circular.

O vindeiro luns, 19 de decembro, na Casa do Concello de 10 a 14 horas terá lugar dentro do Programa de Economía Circular un Obradoiro de CoCreación no que se traballará o deseño colectivo dun signo distintivo común (selo verde) para os establecementos comprometidos coa transición circular e sostible do turismo en Ribadeo.

O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, explica que “desde o Concello de Ribadeo quérese avanzar no deseño dun distintivo diferenciador que poña en valor aos establecementos que aposten pola sostibilidade e pola economía circular. Aproveitárase a xornada para debater e traballar sobre outras posibles iniciativas que podan xurdir arredor de todas as oportunidades que está a xerar a economía circular”. 

A xornada estará aberta a todas persoas e establecementos que desexen participar independentemente do sector. As persoas interesadas poden obter máis información ou ben no teléfono do Concello na Área de Desenvolvemento Local ou no correo electrónico adl@ribadeo.org