O 20 de agosto terá lugar a XV Festa da Carne ao Caldeiro na parroquia ribadense de Remourelle. Haberá tamén música e xogos tradicionais.

Na parroquia ribadense de Remourelle tivo lugar a presentación da XV Festa da Carne ao Caldeiro, que terá lugar o vindeiro sábado, 20 de agosto. O evento está organizado pola asociación de veciños A Madanela coa colaboración do Concello de Ribadeo, da Xunta de Galicia e do Xacobeo 21-22.

O alcalde en funcións, Pablo Vizoso, subliñou que “dende o Concello colaboramos con esta asociación de veciños de Remourelle e aninamos a gozar deste día en torno a un prato tan recoñecido da nosa gastronomía. A xornada  ademais contará conmúsica e deporte tradicionais como o torneo de bolos”.

Desde a asociación A Madanela explicaron que “apostamos pola tenreira galega de calidade con Indicación Xeográfica Protexida, criada nos nosos propios prados, e queremos continuar a promovela. Ao mesmo tempo, o Dúo Estrellas acompañará a xornada coa súa música na sesión vermú e verbena, e ás 17 horas en forma de concerto o grupo de música tradicional Tumba e Dálle”.

E engadiron que “a fin de non esquecer a tradición, na tarde da XV edición da Festa da Carne ao Caldeiro tamén se celebrará un torneo de bolos celtas, este ano en homenaxe a Américo Pérez. Os tíckets estarán á venda ese mesmo día no Campo da Festa, cuberto de toldo, ao prezo de 23 euros (inclúen empanada, pementos de Padrón, carne ao caldeiro con cachelos, queixo con marmelo, bebida e café)”.

No acto de presentación que tivo lugar esta mañá en Remourelle participaron varios representantes da asociación de veciños A Madanela, así coma concelleiras e concelleiros na Corporación Municipal de Ribadeo. 

Xa ao día seguinte terán lugar as festas de Remourelle na honra de Santa María Magdalena, amenizada tanto na sesión vermú como na verbena pola Orquestra Supremos. 

A Asociación de Veciños A Madanela, de Remourelle, agradece a colaboración do Concello de Ribadeo e da Xunta de Galicia, Xacobeo 21-22, e a todos os establecementos comerciais, empresas e veciños e veciñas que fan posible a celebración destas festas estas festas.