O 21 de abril arrinca o Domingueo en Ribadeo, que organizan o Concello e Acisa

A concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz, sinala que “xa temos todo listo para esta nova edición do Domingueo en Ribadeo, que durante dúas fins de semana coincidirá co noso concurso gastronómico o Ribadeo de Tapeo. Gastronomía e música irán da man os días 21 e 28 de abril”.

A edil ribadense explica que “este vindeiro domingo Kike Suárez Trío actuará no peirao de Porcillán a partires das 13:00 horas para animar o tapeo e o vermuteo nesa zona da nosa vila. E o 28 de abril o Domingueo fará escala na rúa San Francisco. A partires de aí e ata o mes de xullo a música chegará á contorna da Praza de Abastos, á Avenida Rosalía de Castro, á rúa San Roque, á Praza de Abaixo e tamén á Zona Vella”.
Saiz agarda que “as mañás de sete domingos, xa animadas en Ribadeo, o sexan aínda máis”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, subliña que “calquera domingo é bo para vir a Ribadeo a pasear, a mercar no comercio local, a gozar da hostalería, das súas terrazas e da súa gastronomía. Si algunhas destas mañás dominicais do 21 de abril ao 7 de xullo as aderezamos con música, a combinación é perfecta”.

E engadiu: “animamos ás veciñas e aos veciños de toda a contorna a achegarse a Ribadeo e a gozar de todas as propostas que aquí van atopar”.