O 28 de maio terá lugar un novo domingo a pé, organizado pola Concellaría de Igualdade de Ribadeo. A inscrición está aberta.

A Concellaría de Igualdade pon en marcha o vindeiro 28 de maio un novo domingo a pé. Será un percorrido de 13 quilómetros que estará guiado por Teresa Díaz. 

Desde o CIM e desde a Concellaría de Igualdade lembra que “os domingos a pé son unha actividade anual dirixidas ás mulleres adultas, co fin de promover un tempo para elas mesmas, un tempo de ocio, un tempo illadas das obrigas familiares, laborais… un tempo para rachar con esa dobre ou tripla xornada laboral. Ademais, de poder gozar dese tempo para elas, poderán coñecer lugares do seu entorno inmediato, e facer un pouco de exercicio físico”.

E engaden que “desta volta desprazarémonos desde Ribadeo  pola Pastoriza, Abraído, Reme de Abaixo, vía do tren de Vilaodrid, As Aceas, Os Bloques e Ribadeo cun percorrido de 13 quilómetros.  Esta ruta será o día 28 de maio. Sairase ás 11:30 horas  da estación de tren de Feve e regresaremos arredor das 18:30 horas da tarde. Como ven sendo habitual, contaremos coa colaboración de Teresa Díaz, para guiarnos nas rutas. Teresa é membra da directiva da Asociación Pena Tallada, e ten investigado todas as rutas da nosa contorna, que podedes atopar no seu blogue: http://teresaderibadeo.blogaliza.org”.

As mulleres interesadas en participar na ruta deben anotarse no Centro de Información ás Mulleres, sito no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo, chamando ao teléfono 982 120 739 ou ben enviando  un correo electrónico ao enderezo cim@ribadeo.org. Deberán levar calzado cómodo, auga e comida.