O 28 de outubro celébrase o quinto sorteo da campaña da FCAM. Será en Covas, no Parquemar.

Este sábado, día 28, terá lugar en Covas o quinto sorteo da campaña de A Mariña Federación, que daba comezo o pasado mes de setembro. Será ás 20:30 horas no Parquemar. En xogo estarán 1.500 euros en vales de compra. 

Aquelas persoas que realicen as súas compras entre o 22 e 28 de outubro nos establecementos asociados poderán canxear os seus tíckets de importes superiores a 10 euros por papeletas para participar no sorteo presencial que se celebrará este sábado en Covas. Ese día entre as 11 e as 14 horas pola mañá e entre as 17 e as 20:30 horas pola tarde será cando se poidan obter as papeletas na carpa que a FCAM instalará no Parquemar. 

En Covas, ao igual que xa aconteceu en Ribadeo, en Foz, en Xove e no Vicedo, sortearanse 1.500 euros en vales de compra, divididos nos seguintes premios: un de 500 euros, un de 300 euros, un de 200 euros e 5 de 100 euros cada un. Os afortunados e afortunadas deberán consumilos durante a seguinte semana á da celebración do sorteo nos establecementos asociados á Asociación Beiras de Viveiro. 

Os seguintes sorteos serán o 4 de novembro en Viveiro e o 11 en Burela.

A Mariña Federación destinou máis de 10.000 euros aos premios desta campaña, que chegou á súa terceira edición.