O 29 de outubro chegará á Mariña o Desafío 15K Series Banco Mediolanum, que discorrerá entre Burela e Foz. A carreira foi presentada en Vigo.

O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, asistiu esta mañá en Vigo á presentación da carreira de atletismo Desafío 15K Series, que patrocina o Banco Mediolanum, e que chegará á Mariña o 29 de outubro. Esa será a xornada na que os asistentes realicen o percorrido comprendido entre Burela e Foz. 

O Desafío 15K Series dará comezo o 21 de maio en Ourense, seguirá o 11 de xuño en Arousa Norte, o 1 de outubro os participantes farán o percorrido denominado Atlántico, o 29 de outubro será a quenda para A Mariña e rematará nunha data por concretar en Vigo. 
Fernández Rey subliñou que “seguimos a apostar por este tipo de probas polo que supoñen para o deporte, pero tamén para a promoción turística de Burela. Haberá un grande ambiente eses días na zona e consideramos que a nosa participación é positiva para A Mariña e para Burela”.

No acto de presentación que tivo lugar hoxe en Vigo estiveron, entre outros, Abel Antón, campión do mundo de maratón, e o xornalista Terio Carrera.