O Camiño Gastronómico do Mar chega á mesa de Xove durante a fin de semana ata o 8 de novembro.

Esta fin de semana celébrase a cuarta etapa do “Camiño Gastronómico do Mar”, unha serie de xornadas gastronómicas que están percorrendo a costa norte de Galicia ofrecendo receitas de catro das especies pesqueiras máis representativos da lonxa de Burela: pescada do pincho, peixe espada, xurel (chicharro) e peixe sapo.

Trátase dunha campaña que a Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo pon en marcha en colaboración coa “Asociación Amigos do Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela” e Armadores de Burela cun triple obxectivo: fomentar o consumo de peixe, apoiar ao sector hostaleiro do norte de Galicia e promocionar o “Camino del Mar”, ruta xacobea que comunica por terra o Camiño Norte e o Camino Inglés a Compostela.

Nesta cuarta fin de semana gastronómica o Camiño faría parada nos concellos de Xove e Viveiro, pero debido ás restriccións na hostalería só se poderá celebrar no Restaurante Os Faroles e no Lugar das Marías, en Xove. As paradas nos hoteis BoaVista e Thalasso Cantábrico Las Sirenas de Viveiro quedan aprazadas.

Lugar das Marías (Xove) ofrece o venres sendas hamburguesas de pescada do pincho de Burela e de peixe espada con marmelada de pementos. E o sábado ofrecerá: "Torta de Xove con pescada do pincho e lagostinos, bechamel e queixo San Simón", "Torta de Xove con peixe espada, touciño entrefebrado, champiñóns e queixo Mimosa", "Piruletas de pescada do pincho con verduras da horta e mollo de aguacate con améndoas" e "Piruletas de peixe espada con verduras da horta e mollo de aguacate con améndoas".

Os Faroles (Xove) presenta tres receitas de “Pescada do Pincho de Burela á Galega”, “Pescada do Pincho de Burela en salsa 'Faroles'” e “Xurel do Cantábrico asado”.

A campaña celébrase durante oito fins de semana ata o próximo 6 de decembro e consiste na degustación de catro das especies máis representativos das frotas pesqueiras de OPP Lugo, que terán lugar en dous restaurantes de cada un dos quince concellos polos que circula o “Camiño do Mar”, desde Ribadeo ata Neda: nuns ofrecen pratos de pescada do pincho e xurel; e noutros receitas de peixe espada e peixe sapo.

Esta acción enmárcase dentro das accións de promoción de OPP Lugo incluídas no seu Plan de Produción e Comercialización anual e contan coa cofinanciación da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo da Pesca.