O Campo do Oso abre este domingo, 28 de xuño, a tempada das rapas das bestas na Mariña

A rapa das bestas do Campo do Oso, en Mondoñedo, abre este domingo, día 28 de xuño, a temporada na Mariña destas celebracións populares, que contan un ano máis co apio da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que tamén anuncia que “a rapa de Candaoso, en Boimente (Viveiro) o 5 de xullo, e a de Neipín (Pontenova) o 18 de xullo, continuarán unha axenda que dá testemuño dunha forma de vida e unha relación cos animais e co territorio que configurou e mantén as paisaxes do interior da comarca”.

O deputado provincial de Rural, Daniel García, reuniuse cos gandeiros e gandeiras que impulsan esta tradición na comarca, ás que trasladou “o compromiso coa organización das rapas e, particularmente, coa gandería extensiva que é a que sostén esta tradición ligada ao coidado e ao saneamento dos animais que se crían no monte”,

“A dimensión festiva e turística que adquiriron as rapas debería servir tamén para unha maior valoración por parte da sociedade do traballo de gandeiras e gandeiros que, coa súa actividade, contribúen á conservación do territorio e das paisaxes fronte ao abandono ou aos incendios”, sostivo Daniel García, que ademais remarcou “o reforzo continuado que a área de Rural ven facendo por esta actividade con programas como O que non arde  e colaboracións estables coas asociacións que traballan  na promoción dos produtos agrogandeiros”.

Ademais de colaboracións directas coas asociacións organizadoras das rapas, dirixidas a investimentos e gastos correntes ou trofeos, a área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo anuncia que “achegará aos distintos curros degustacións de hamburguesa de carne de poldro de Pura Raza Galega. A acción está incluída dentro do programa de promoción de produtos de razas autóctonas Un gusto de rural, un rural degusto e pretende promover o coñecemento e consumo de carne de poldro”.