O CEIP Pedro Caselles Rollán e o IES Illa de Sarón, de Xove, contan con exemplares do libro “O bote das bolboretas”, sobre a igualdade e a violencia de xénero.

A Delegación Municipal de Igualdade do Concello de Xove organizou, en colaboración co CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán, un proxecto socioeducativo consistente na elaboración do conto O bote das bolboretas, realizado polos nenos e nenas de 5º de Primaria, sobre a igualdade e a prevención da violencia de xénero. 

Trátase dun traballo financiado con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero a través da Secretaría Xeral da Igualdade da xunta de Galicia.

O alcalde, Demetrio Salgueiro, e a concelleira de Igualdade, Ana Abad, fixeron entrega dos exemplares do libro para o alumnado de Infantil e Primaria e para o profesorado do CEIP Pedro Caselles Rollán. Con posterioridade, tamén deixaron algúns exemplares no IES Illa de Sarón.