O Cenima, de Foz, acolle a exposición Coidando o noso mar ata o 30 de novembro

Da man do CEIDA e da Uned Aula Universitaria de Foz, no Cenima está aberta ao público a exposición Coidando o noso mar. Pode visitarse ata o 30 de novembro de 9 a 14 horas.
 
A mostra trata sobre “a fraxilidade característica dos ecosistemas costeiros, acentuada pola presión das actividades humanas, está a provocar a súa destrución. A franxa costeira está en perigo pola falta de planificación e mala xestión nas actuacións realizadas sobre ela durante as últimas décadas. O desenvolvemento turístico mal planificado, a erosión costeira, a presión urbanística, a contaminación mariña, a sobrepesca, a destrución do hábitat, etcétera son algúns dos males que afectan á costa tanto en Galicia como a nivel mundial. Da mesma maneira hoxe seguimos pensando que o mar é unha fonte inesgotable de recursos e que o mar é inmune ás nosas actividades e agresións. Os avances científicos e o estudo dos ecosistemas mariños demostran que estas perigosas percepcións son falsas, que os recursos mariños están nalgúns casos máis ao bordo do colapso do que se cría anteriormente e que a presión antrópica é a causa fundamental deste feito”.