O centro deportivo e de ocio Activity Center, de Burela, cumpre 10 anos e celebrarao cun evento de pádel e unha festa infantil.

O centro deportivo e de ocio Activity Center, de Burela, acaba de cumprir 10 anos -o pasado xoves, día 13- e para celebralo está preparando unha serie de actividades que se levarán cabo cando mellore a actual situación da pandemia. Haberá un evento de pádel con xogadores do World Padel Tour e tamén unha gran festa infantil. 

O xerente de Activity Center, Ibán García, explica que este centro deportivo e de ocio situado en Burela é “un proxecto que un 13 de xaneiro de 2012, hai xa 10 anos, arrancou converténdonos no primeiro club de pádel indoor na provincia de fóra da cidade de Lugo. Abrimos no seu momento portas non só na Mariña senón en toda a provincia, mostrando que o pádel fóra dunha cidade tamén podía ser un referente. Reforzámonos con outras actividades paralelas para dar un mellor servizo aos nosos usuarios: desde clases de formación, ximnasio, rocódromo, zumba, pilates, bailes de salón, masaxes,… e, como non, unha zona infantil, hoxe en día a máis completa en diversidade de actividades. Ano tras ano o proxecto vaise adaptando ás demandas de todos os usuarios e sempre será así. A última novidade é o novo céspede texturizado da pista principal, único na Mariña e o segundo da provincia; é máis rápido e preventivo ante posibles lesións”.

Ibán García engade: “tíñamos preparado un programa de actividades para celebrar este aniversario agora pero cremos que, por responsabilidade coa situación actual da pandemia, debemos pospoñelas, non cancelalas, para máis adiante. Centraranse en dous apartados importantes, dos que máis nos representan agora mesmo en Activity: o pádel e as festas infantís”.

O xerente de Activity Center especifica que “respecto ao pádel, temos xa concretado con varios xogadores do World Padel Tour, algúns que xa estiveron aquí en diferentes torneos que organizamos nestes anos, para que veñan pasar un día con nós, interactúen cos usuarios e socios da instalación e quen se queira acercar, fagan un clinic para todos aqueles interesados e finalmente un partido exhibición na nova pista que temos, de céspede texturizado, ao cal nos dixeron que están encantados de poder probala. E tamén queremos celebrar unha gran festa infantil como as que facíamos antes da pandemia”.

En canto ás datas de celebración das actividades para conmemorar o 10º aniversario, Ibán García explica: “vamos esperar a que mellore a situación da pandemia e se reduzan as restricións para que poidan gozar destes eventos todas as persoas que estean interesadas. Intentaremos facelos coincidir na mesma fin de semana, un o sábado e o outro o domingo, e seguro que non habemos tardar”.

O responsable de Activity Center remata cunha mención especial “para tod@s @s traballadores, usuari@s e amig@s que aportaron o seu grao de area e posibilitaron que sexamos sendo o referente que hai 10 anos desexabamos ser”.