O Club Pádel Burela competirá os días 19 e 20 de marzo pola clasificación para disputar o Máster Nacional que se celebrará en Valencia.

O Club Pádel Burela, que ten a súa sede nas instalacións do centro deportivo e de ocio Activity Center, gañou o play off de Galicia Norte das Series Nacionales de Pádel en categoría 500, competición que se disputou en Ames e A Coruña esta pasada fin de semana.

O capitán do equipo burelés que participa nas SNP, Cándido Fraga Eijo, explica que “o Club Pádel Burela disputa as Series Nacionales de Pádel (SNP) en categoría 500. Empezamos a competición en setembro en 2ª División e, como quedamos primeiros, en decembro retamos a un equipo de 1ª categoría de 500 e ascendemos. A liga rematou a finais de xaneiro e despois disputamos o play off da fase final de Galicia Norte, para equipos campións das provincias de Lugo e A Coruña, que xogamos este pasado fin de semana e gañamos”.

Cándido Fraga destaca: “somos o primeiro club da Mariña que gaña esta competición, na que non contábamos vencer porque somos un equipo que comezou a competir hai pouco, no 2019, e debido á pandemia paramos durante case un ano. Retomamos as competicións este ano, con xente un pouco máis veterana no pádel e outros que empezamos agora, e conseguimos gañar este torneo. Intentamos competir o mellor posible e logramos a vitoria. Agora imos competir pola clasificación para disputar o Máster Nacional que se celebrará en Valencia. Para iso temos que participar nunha eliminatoria contra os equipos que gañaron de Ourense e Pontevedra, que se celebrará os días 19 e 20 de marzo. De aí saíra un campión, que se será o representante de Galicia no Máster Nacional que se disputará en Valencia en xuño”.

Para rematar Fraga Eijo agradece a colaboración dos patrocinadores, entre os que están Activity Center, A Chave das Noces, Jose Cars Burela, BoasMigas, Áurea Ruiz Mapfre Burela, A Mariña Multimarca, Pescados Pepa e Alain Afflelou Burela. “Grazas a eles podemos competir porque supón un gasto bastante grande para o club participar nas dúas competicións que xogamos: a Liga Galega de Pádel e as Series Nacionales de Pádel”.