O Concello de Barreiros organiza o Entroido 2020 con actividades para adultos e tamén infantís do 23 ao 28 de de febreiro.

O Concello de Barreiros organiza un programa de actividades de Entroido que darán comezo o domingo, 23 de febreiro, cunha festa de disfraces e os días 24 e 26 con obradoiros, dentro do GastroEntroido infantil. 

A festa do día 23 terá lugar no centro sociocultural a partir das 18:00 horas. Haberá un concurso de repostería de Entroido e a recollida de doces farase ata as 18:30 horas, un desfile de disfraces infantil, a actuación O Capitán Garfo: cociñando música, entrega de premios aos mellores disfraces e degustación dos doces presentados a concurso. 

O día 24 no CEIP San Cosme de Barreiros de 10:00 a 13:00 horas haberá o obradoiro Cociñando o Entroido con confección de disfraces de reciclaxe. Será necesaria a inscrición previa e o número de prazas é limitado. 

O día 26 de 10:00 a 13:00 horas desenvolverase o obradoiro de elaboración de sobremesas de Entroido coa caracterización do disfrace elaborado; e de 16:00 a 18:30 horas celebrarase o remate do obradoiro con merenda para os/as participantes e Enterro da Sardiña. Colabora na organización destas actividades: Hostalería de Barreiros.

O venres 28 ás 21:00 horas terá lugar o desfile acompañado polos xigantes e cabezudos, que sairá desde o Concello. Ás 22:30 horas comezará a cea baile, amenizada polo Dúo Estrellas, e entrega de premios no pavillón. A recollida de tarxetas poderá facerse desde o luns 24 no Concello de Barreiros de 8:30 a 14:30  horas. O prezo é de 17 euros e 8€ a entrada infantil. Haberá premios, na categoría infantil, en Individual: 30€ para o primeiro e 20€ para o segundo; Parella: 40€ para o primeiro e 30€ para o segundo; e Grupo: 60€ para o primeiro e 40€ para o segundo. Na categoría de adultos, os premios serán: en Individual, 50€ para o primeiro e 30€ para o segundo; en Parella, 60€ para o primeiro e 40€ para o segundo; en Grupo, 100€ para o primeiro e 50€ para o segundo; e Comparsa/Charanga, 300€ para o primeiro, 250€ para o segundo, 150€ para o terceiro e 100€ para o cuarto.

Colaboran con estas actividades: Os Macanudos e Habelas Hainas.