O Concello de Barreiros organiza unha peregrinación por etapas a Santiago, a través do Camiño Francés. A segunda será o 6 de maio.

Un total de 42 persoas realizaron a primeira etapa do Camiño Francés ao seu paso pola provincia de Lugo, entre O Cebreiro e Triacastela o pasado domingo. A peregrinación en 9 etapas ata Santiago de Compostela, a través desta ruta, foi organizada polo Concello de Barreiros. 

O concelleiro de Medio Ambiente, José Manuel Gómez Puente, contou que “nada máis chegar ao Cebreiro atopámonos con todo nevado e seguiu a nevar. Foi unha etapa esixente, porque houbo de todo: neve, saraiba, xistra e tronos. Pero todos o levaron moi ben e a camiñar cun sorriso na cara”. O edil barreirense dixo que “o compañeirismo estivo presente, e fomos axudándonos uns a outros, porque contamos con varias persoas novas que se incorporaron a estas andainas, que hai tempo vimos organizando desde o Concello. Estou moi satisfeito e orgulloso do comportamento dos participantes”. 

A vindeira etapa, a comprendida entre Triacastela e Sarria, terá lugar este sábado, 6 de maio.