O Concello de Cervo celebrará o Día do Xubilado o 1 de maio. Xa hai 400 pensionistas anotados. A inscrición remata o 20 de abril.

A edil delegada de Servizos Sociais, Pilar Armada, sinalou que a inscrición avanza a bo ritmo “xa son uns 400 os pensionistas do Concello que se anotaron e recordamos que o prazo remata este mesmo xoves, 20 de abril”.

Segundo avanzou Armada, ese día, ás 12:00 horas, terá lugar unha misa cantada pola Coral Terramar, no Pavillón da Veiga, e logo os participantes gozarán dun xantar na carpa que se instalará para a ocasión na Praza dos Campos.

Haberá música durante toda a tarde. A sobremesa correrá a cargo de grupo tradicional Cantares do Brión, e logo xa á tardiña será o dúo Epo-k o que recollerá o testigo para o baile.

Armada sinalou que o Concello entregará un agasallo a cada un dos asistentes e, así mesmo, outorgaranse os trofeos do campionato de tute e parchís que se está a xogar estes días na Casa do Mar, no que participan unha vintena de parellas.

Como vén sendo habitual, o Concello fletará autobuses para recoller polas parroquias aos asistentes, “nunha xornada festiva e de convivencia adicada integramente aos veciños e veciñas do municipio”.

Ata este xoves, todos os pensionistas do Concello poden anotarse na Casa do Concello ou na Casa do Mar.