O Concello de Cervo celebrará o Día Mundial Forestal o 21 de marzo con diferentes actividades durante toda a xornada.

O Concello de Cervo conmemorará o Día Mundial Forestal o vindeiro xoves, 21 de marzo, con diferentes actividades.

Pola mañá, a Delegación de Medio Ambiente que dirixe Mali Méndez, achegará ao alumnado dos centros escolares da localidade o espectáculo musical "O galo quirico e os seus amigos", unha posta en escena con marionetas tradicionais e teatriño de cartón que busca interactuar co público, con música en directo do acordeonista Carlos Quintá.

Xa para pola tarde, e en colaboración coas Concellerías de Xuventude (oficina municipal de voluntariado) e Servizos Sociais, programouse unha actividade de voluntariado que se desenvolverá no Centro de Día Residencia, e que consistirá nunha plantación de árbores na zona axardinada do centro na que participarán tamén as persoas usuarias do servizo.

Será ás 17:00 horas; e ao remate da actividade compartirán un chocolate con churros.

As persoas interesadas en participar, maiores de 12 anos, poden inscribirse na oficina municipal do voluntariado, a través do correo voluntariado@concellodecervo.com, ou chamando aos teléfonos 982.87.91.16 ou 691.65.66.00. As prazas están limitadas a 25 persoas.