O Concello de Cervo convoca un concurso para conmemorar o Día do Libro

O Concello de Cervo convoca un concurso en conmemoración do Día do Libro, que se celebra este martes, 23 de abril. Os participantes están divididos en tres categorías diferentes en función da súa idade: entre 3 e 6 anos, entre 7 e 11 anos e maiores de 12.

Os máis pequenos, comprendidos entre os 3 e os 6 anos, terán que facer un marcapáxinas. Os nenos e nenas de entre 7 e 11 anos deberán continuar a seguinte historia: “Todo se torceu o domingo a mediodía cando Xoves, o cuarto anano de Brancaneves, non aparecía por ningures. Os recordos de Brancaneves cos seus sete ananos eran ledos e con centos de aventuras divertidas e incribles, que resultaba moi triste pensar que xa non volvería ser así. Por iso, toda a vila das Neves …”. Os maiores de 12 anos poderán elixir entre contar unha anécdota familiar ou proseguir a seguinte historia: “Nunca vira tan calada a cidade como aquela noite, ata as luces da rúa parecían sospeitar o que estaba a piques de pasar, e eu como de costume …”.

Os traballos deberán enviarse mediante unha foto ao correo electrónico prensa@concellodecervo.com ou a través do whatsapp do teléfono 683.31.59.39 ata o luns 29 de abril. Deberán conter nome e apelidos do participante, idade, teléfono e correo electrónico. No caso de ser menores de idade, o nome e a idade dos participantes deberán ir acompañados do nome e do teléfono do pai/nai/titor/a.

Os traballos gañadores serán elixidos por un xurado e serán publicados o xoves 2 de maio nas redes socias municipais.