O Concello de Cervo e Mariña Patrimonio organizan unha xornada divulgativa sobre a Sauna do Castro da Atalaia. Será o 6 de agosto.

O Concello de Cervo e a asociación Mariña Patrimonio organizan un acto divulgativo sobre a Sauna do Castro da Atalaia, que se celebrará este martes, 6 de agosto, na Casa da Cultura de San Ciprián, ás 20:00 horas.

Intervirán o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o arqueólogo Emilio Ramil. O rexedor falará sobre as xestións que o Concello leva feito para protexer esta xoia arqueolóxica, así como dos pasos para recuperar este importante ben patrimonial. O arqueólogo Emilio Ramil, que dirixiu a intervención arqueolóxica, informará do que se coñece a día de hoxe sobre esta monumental sauna da Idade do Ferro, redescuberta recentemente no transcurso dunhas obras de mellora nunha rúa da Atalaia.