O Concello de Cervo organiza unha nova edición de Gadélica entre o 28 e o 30 de xullo. O Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos será o escenario do festival.

O Concello de Cervo acollerá a II Edición de Gadélica entre o 28 e o 30 de xullo.
A cita foi presentada esta mesma tarde no escenario no que se vai desenvolver, o Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Cultura, Dolores García Caramés, acompañados por Inés Cobas e Isabel Fernández, en representación da Asociación de Mulleres Rurais “As Espalladoras”, e de Alberto Casas, que repite na organización.

Segundo explicou Villares, nesta nova edición de Gadélica contamos coa colaboración e a organización das Espalladoras, de Cervo, a quen lle agradecemos a súa implicación na celebración deste evento co que pretendemos compartir e gozar con veciños e visitantes da grandeza de Sargadelos nunha fin de semana única, na que a música e a natureza se fusionan ofrecendo unha faceta diferente e máxica desta paraxe que é en si mesma única, na que volveremos prestar especial atención á decoración e ambientación para tentar conseguir ese ambiente excepcional que cautivou e deixou pegada na pasada edición”.

Con esta segunda edición, pois, “damos continuidade a este encontro artístico multidisciplinar que naceu en Sargadelos, e que pretende consolidarse no tempo como unha cita cultural e musical de referencia do verán da Mariña”.

No recinto haberá dous escenarios; un cunha proposta musical máis vangardista, e un segundo con maior eclecticismo, no que se conxugarán tanto actuacións en vivo como sesións de tecno, dub, rap, etc.

Segundo sinalou Caramés “agardamos que esta nova edición de Gadélica sexa un punto de encontro para todo tipo de público, esa é a filosofía sobre a que traballamos, de feito, prestamos especial atención á programación de actividades paralelas pensadas para os mozos e mozas, que cremos que resulturán atractivas e interesantes como obradoiros de robótica e programación, maxia ou malabares”.

Ademais, tamén haberá no recinto sesión de ioga, esoterismo, coloquios, artesanía e venda, así como diferentes establecementos de gastronomía variada.

Animamos pois a todos, veciños e visitantes, familias, mozos, e non tan mozos, a que veñan pasar esta fin de semana diferente a Sargadelos e gozar dun dos referentes e símbolos do noso Concello revestido neses días a base de música, cor e arte para todos os públicos.