O Concello de Foz continúa coa súa primavera cultural e programa seis actividades para este mes de maio.

A Delegación de Cultura do Concello de Foz continúa coa súa primavera cultural e programa seis actividades para este mes de maio.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anuncia que “en maio, o mes das letras galegas, o Concello de Foz achégase máis ás nosas letras e á música. E coa chegada do bo tempo os eventos culturais comezan a tomar as rúas focegas, para poder chegar a máis xente, respectando sempre as medidas sanitarias”. 

Inés López explica que “esta primeira semana de maio, contaremos cun documental de Carlos Lorenzo: Vértice de versos. Será este xoves, día 6, na Casa da Cultura ás 19.30 horas. Este documental fai un percorrido pola poesía contemporánea galega. Neste 17 de maio homenaxea a Xela Arias, referente tamén na nosa lírica. Contaremos coa presenza do director e de Emma Pedreira e Yolanda Castaño, mulleres que representan as letras galegas actuais, coas que haberá un coloquio posterior ao documental. O aforo é reducido e para asistir hai que reservar a entrada previamente chamando ao teléfono 982.140.027, extensión 3”.

A edil de Cultura engade que “durante este mes de maio tamén a Escola de Música Municipal Arcadio Mon ofrecerá recitais dos seus combos. Serán o venres 7, o xoves 13 e o venres 21, no paseo da Ribeira ás 20 horas. Para todos os amantes da boa música, poderán achegarse ao paseo e escoitar os diferentes combos da escola e o seu continuo crecemento musical. Seguindo coa música, o venres 14 na Basílica de San Martiño a Fundación Bal y Gay organiza un concerto da pianista Judit Jauregui ás 19.30 horas. E nese mesmo fin de semana das letras galegas teremos a actuación o domingo 16 da Banda de Música de Foz e o grupo teatral Touporroutou ás 19 horas no Campo da Cabana, no que poderemos desfrutar do teatro e a música unidos”.

Os eventos ao aire libre en caso de chuvia suspendéranse e anunciarase unha nova data para eles.

“Animo a todo o mundo a participar nestes actos, que poñen en valor a cultura galega e o traballo das nosas veciñas e veciños na expansión da mesma”, remata Inés López.