O Concello de Foz organiza un ano máis o programa "Aberto x vacacións". Desenvolverase en catro quendas desde o 6 de xullo ao 28 de agosto.

As actividades están dirixidas a nenos e nenas nados/as entre os anos 2008 e 2016 e serán formativas, lúdicas e multideporte. Desenvolveránse de luns a venres de 10:30 a 13:30 horas, seguindo as recomendacións das autoridades sanitarias e con limitación de aforo nalgunhas actividades.

A preinscrición realizarase a través do envío do formulario, debidamente cumprimentado, ao enderezo electrónico axv2020@concellodefoz.es. A data de preinscrición remata o 24 de xuño. Cada preinscrición realizada asociarase a un código que será remitido a través de correo electrónico polo que se recomenda revisar o correo electrónico, antes do 26 de xuño, para comprobar a súa recepción. A listaxe dos códigos das persoas admitidas será publicada, o 29 de xuño, na sección de Novas da web do Concello de Foz, despois da realización das comprobacións e do sorteo.

Haberá catro quendas. A primeira delas do 6 ao 17 de xullo, a segunda do 20 ao 31 de xullo, a terceira do 3 ao 14 de agosto e a cuarta do 17 ao 28 de agosto. O custo por quenda é de 10 euros.

As persoas admitidas deberán formalizar a inscrición, na Casa da Xuventude en horario de 10:00 a 13:00 e de 18:00 a 20:00 horas, entre o 30 de xuño e 3 de xullo para as dúas primeiras quendas, e do 20 ao 24 de xullo para a terceira e a cuarta quenda. No caso de que, ao finalizar os prazos de formalización de inscrición, algunha praza quedara vacante, procederase a chamar ás persoas solicitantes da listaxe de agarda para cubrila.

Antes do inicio da actividade deberase realizar declaración responsable por parte do pai, nai ou titor de que a persoa participante non padece ningunha enfermidade contaxiosa, nomeadamente o Covid-19 así como ningunha sintomatoloxía asociada ao mesmo. Ademais deberán aceptarse as condicións de hixiene e prevención nas que se vai desenvolver a actividade, e notificar inmediatamente á organización de calquera problema de saúde vinculado ao Covid-19 ou o contacto estreito con algunha persoa diagnosticada por Covid-19, durante o transcurso da actividade.

Será obrigatorio que os nenos e nenas maiores de 6 anos leven mascarilla, o equipamento para a realización das actividades será subministrado polo equipo de Aberto x Vacacións, que tamén dotará de elementos de hixiene de mans ás persoas participantes. O horario de entrada e saída da actividade será escalonado polo que será obrigada a puntualidade. As actividades están suxeitas ás modificacións ou suspensión ante a evolución da situación sanitaria.

O programa desenvolverase  no CEIP O Cantel e na Sala Bahía, podéndose incluír outras ubicacións que serán informadas no planning que se remitirá ás persoas inscritas.