O Concello de Foz organiza a XXII Semana do Teatro Afeccionado, que se desenvolverá do 31 de agosto ao 2 de setembro.

Este xoves, 31 de agosto, venres 1 e sábado 2 de setembro Foz poderá desfrutar de tres grupos de teatro afeccionado que representarán ás súas obras en diferentes emprazamentos da vila. Por mor das previsións meteorolóxicas as obras do venres e do sábado serán en interior.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, explica que “o xoves 31 será a compañía Os pícaros de Lagoa a que poña en escena a obra Era boa si colara, que se representará na Praza Conde de Fontao ás 21.30 horas. O venres 1 comezaremos setembro coa compañía O Centiño e a obra De poucas luces, que será tamén ás 21.30 horas pero na Casa da Cultura. O sábado 2 será a compañía A Adala quen representará Marina Club, tamén na Casa da Cultura ás 21.30 horas”.

A edila móstrase “moi feliz xa que contamos con moitas compañías de teatro afeccionado que nos acompañan en todos os programas que temos, tanto neste coma no Certame do Poto, como co Teatro nas parroquias. Agradecémoslles moito esta implicación e esperamos que a xente desfrute moito con eles, como sempre o fan”. E finaliza comentando que “o mes de setembro comeza co teatro, pero o outono virá cargado de cultura en Foz”.