O Concello de Foz programa dezanove actividades do 18 ao 23 de agosto, dentro da iniciativa Cultura na Rúa.

O Concello de Foz programa 19 actividades desde hoxe, martes, ata este domingo, día 23, dentro da iniciativa Cultura na Rúa.

Na tarde noite de hoxe, a partir das 21:00 horas, haberá teatro para nenos e nenas no Colexio Nº 1 a cargo do grupo infantil A Adala, de Fazouro, que representará a obra Dragón e cabaleiro. Á mesma hora na pista polideportiva da parroquia de San Martiño terá lugar a proxección da película Jumanji 3.

Mañá, mércores, DJ Popy actuará na rúa Juan Montes ás 12:00 e ás 18:00 horas para amenizar a actividade Comercio na Rúa. E no pazo do Conde de Fontao ás 20:30 horas haberá un recital de piano, incluído dentro da programación do festival Bal y Gay, acto para o que as entradas están esgotadas.

O xoves 20 na rúa Juan Montes actuará DJ Alex ás 12:00 e ás 18:00 horas para amenizar a actividade Comercio na Rúa. Ás 19:00 horas na praza Conde de Fontao terá lugar a inauguración da Feira do Libro, que será pregoada por Natalia Alonso Ramos. E ás 20:30 horas na basílica de San Martiño haberá un concerto do Cuarteto Quiroga, incluído no festival Bal y Gay e para o cal as entradas están esgotadas.

As actividades continuará o venres, día 21: DJ Popy actuará na rúa Juan Montes ás 12:00 e ás 18:00 horas para amenizar a actividade Comercio na Rúa; na Finca Goleta, de A Espiñeira, ás 20:30 horas haberá unha ponencia de Nathaly Ossa, dentro do festival Bal y Gay e con entrada de balde; e ás 22:30 horas no local social de Cordido proxectarase a película Mascotas 2.

O sábado 22 na avenida da Mariña actuará DJ Popy ás 12:00 e ás 18:00 horas para amenizar a actividade Comercio na Rúa. Ademais na rúa Álvaro Cunqueiro haberá concerto de Carta de Ajuste ás 13:00 horas e no Campo da Cabana actuará o grupo Hot Chocolates ás 20:30 horas, dentro do festival Bal y Gay, con entradas a partir de 8 euros.

E o domingo, día 23, o grupo 2puntocom ofrecerá dous concertos, un ás 13:00 horas no paseo da Rapadoira e o outro ás 21:30 horas na praza Conde de Fontao.