O Concello de Mondoñedo homenaxea o 15 de marzo á escritora Elisa Lamas, pioneira do feminismo en España.

O Concello de Mondoñedo celebrará o xoves, 15 de marzo, un acto de homenaxe á escritora, nada na localidade, Elisa Lamas, a través do que se pretende dar a coñecer a figura desta muller que cos seus escritos “se alzou en defenda dos dereitos das mulleres, converténdose así nunha pioneira do feminismo en España”. 
Dende o Goberno local explican que este acto desenvólvese no marco das actividades que se están a celebrar na cidade durante este mes de marzo, promovidas polo Concello de Mondoñedo, a través do Centro de Información ás Mulleres e do departamento de Servizos Sociais, con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller. “Buscamos poñer en valor e visibilizar a todas aquelas mulleres de Mondoñedo que dunha maneira ou doutra fixeron, fan ou farán historia”, explican.

Programa do acto

O acto de homenaxe a Elisa Lamas dará comezo a partir das 12 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello, ao que asistirán, entre outras autoridades do eido social, cultural e político, a Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo,José Manuel BalseiroOrol.

O comunicador e estudoso da historia da comarca, Martín Fernández Vizoso, fará unha semblanza da vida e obra de Elisa Lama, mentres que alumnas e alumnos do IES San Rosendo de Mondoñedo lerán textos da escritora mindoniense. A continuación serán entregados os premios do concurso escolar de debuxo “Debuxando en Igualdade 2018”. A alcaldesa Elena Candia será a encargada de pechar o acto. 

Biografía Elisa Lamas

“Elisa Lamas” é o pseudónimo de Elisa MasedaArango, muller nacida en Mondoñedo no ano 1929 no seo dunha familia de longa tradición nesta localidade. Xurista de formación (estudou Dereito na Universidade de Salamanca), foi xornalista e escritora de profesión, colaborando con diversas revistas e xornais onde publicaba de forma periódica columnas de opinión e ensaio. Entre as revistas e xornais nos que colaborou Elisa Lamas atópanse  Signo, Destino, La Vanguardia ou Diario 16, entre outros. Chegou a publicar un libro que recolle diversos relatos curtos da súa autoría ("Once historias perversas y una ejemplar").

Toda a súa obra está marcada por un forte feminismo e loita polos dereitos das mulleres, nunha época difícil e complicada para tal labor. A pesar do seu labor, hoxe en día é unha gran descoñecida, sendo máis recordada polo seu marido (Manuel Jiménez de Parga, presidente do Tribunal Constitucional entre 2001 e 2004) ou polo seu xenro, Juan de Dios Ramírez Heredia, primeiro deputado pertencente á comunidade xitana.