O Concello de Ribadeo busca persoas voluntarias entusiastas e amigables para ler libros ás usuarias e usuriarios da residencia de maiores.

O Concello de Ribadeo, a través do obradoiro de emprego Vilas Coidadoras, e particularmente a especialidade de Dinamización, Programación e Desenvolvemento de Accións Culturais, vai poñer en marcha nas próximas semanas un proxecto solidario co obxectivo principal de tecer redes sociais coas persoas maiores da residencia municipal a través da lectura. 

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, explicou que “buscamos voluntarios de 16 anos en diante  que queiran participar neste proxecto que se realizará todos os días da semana de 17:00 a 19:30 horas, podendo elixir eles o tempo e os días que queiran dedicar a esta actividade”. 

O edil ribadense contou que “desde o obradoiro xestionarase e coordinarase ao grupo de voluntarios que dará aos usuarios deste centro un servizo de lectura distinto e máis personalizado. O que se busca é crear vencellos entre as persoas voluntarias e os nosos maiores e, ao mesmo tempo, trabállase na estimulación cognitiva a través da lectura”. 

Vizoso Galdo subliñou que “este programa contará co respaldo da Biblioteca Municipal, xa que esta fará chegar á residencia de maiores un préstamo de libros cada mes e ademais esta iniciativa enmárcase dentro dun proxecto maior ao que chamamos Lectura porta a porta. Trátase dun proxecto de animación á lectura organizado desde o obradoiro que, entre outras iniciativas, contempla a creación de varias bibliotecas rurais e a instalación de dúas caixas de libros en espazos abertos no casco de Ribadeo”.

E engadiu que “todas aquelas persoas interesadas en  apuntarse a este proxecto poden facelo presencialmente na Biblioteca Pública Municipal de Ribadeo El Viejo Pancho ou ben chamando ao teléfono 982 12 82 30”.