O Concello de Ribadeo organiza 4 obradoiros divulgativos e un roteiro en decembro. Levan por título "A custodia do litoral". A inscrición está aberta.

O Concello de Ribadeo continúa organizando actividades dentro do proxecto Entre Arcos e Cantís, subvencionado polo GALP A Mariña – Ortegal. En decembro terán lugar catro obradoiros divulgativos e un roteiro, que levan por título A custodia do litoral. 

Segundo explican desde a Concellaría de Turismo “este proxecto permite ir poñendo as bases para establecer unha estratexia de turismo sostible a través da planificación e posta en valor do noso medio natural, pero tamén do noso patrimonio cultural. Desta maneira, partindo da riqueza do patrimonio xeolóxico preténdese establecer un eixe condutor para por en marcha iniciativas de xeoconservación e de divulgación social e educativa, así como,fomentar as experiencias de xeoturismo e promover o desenvolvemento local”.

E contan que “desta volta trátase de catro obradoiros, todos eles gratuítos, que se levarán a cabo no mes de decembro e tratarán de abarcar diversos aspectos relacionados coa conservación e divulgación dos valores naturais e culturais do litoral. Empezaremos o día 8 de decembro ás 17.30 horas no Parque de San Francisco cun Obradoiro de Reciclaxe con produtos de refugallo do mar a cargo de Con Sentidiño, dirixido ás pícaras e pícaros. Para concienciar aos máis pequenos/as do impacto que teñen estes residuos nos nosos mares”.

Desde a Concellaría de Turismo e Desenvolvemento Local indican que “os días 8 e o 9 de decembro será o turno para o Obradoiro de Fotografía da Paisaxe, a cargo de Miguel Díaz Conde, que se celebrará na Casa da Xuventude de 10.00 a 14.00 horas. Neste obradoiro daranse unhas pautas básicas para realizar as mellores instantáneas do medio natural. Sairemos ao campo polo que recomendamos asistir con cámara”.

E engaden “na fin de semana seguinte o 16 de decembro ás 10.00 horas teremos un Roteiro guiado polos castros de litoral en Ribadeo, a cargo de Mariña Patrimonio. Nesta ocasión o punto de partida será a estación de autobuses para combinar andaina cun autobús de apoio. E xa por último, o17 de decembro ás 10.00 horas na escola de Rinlo impartirase un Obradoiro de plantas aromáticas e medicinais do litoral, a cargo de O Freixo dos Lobos ecoturismo e natureza. Nesta cita vannos ensinar a aproveitar as plantas que nos rodean con fins terapéuticos”.

As prazas para asistir a estes obradoiros son limitadas, “fai a túa reserva en turismo@ribadeo.org ou no 982 128 689”.