O Concello de Trabada abrirá a piscina municipal o 15 de xuño cunha imaxe renovada e ampliando o período de apertura

O Concello de Trabada informa da apertura da piscina municipal o próximo luns, 15 de xuño, dando comezo á tempada estival nunhas instalacións que este ano presentan “unha imaxe renovada e máis moderna”. A piscina municipal permanecerá aberta ata o 15 de setembro, ampliando así o período de funcionamento ata os tres meses completos de verán. O horario de apertura será todos os días da semana, de 12:00 a 21:00 horas.

“Entre as novidades desta tempada destaca o novo mural artístico realizado por Álvaro García, veciño de Trabada e da parroquia de Sante, que achega cor, personalidade e un importante atractivo visual ao recinto. A obra contribúe a modernizar a imaxe da instalación, converténdose nun elemento moi vistoso que reforza o carácter acolledor e familiar deste espazo de lecer”, explica o Concello de Trabada.

O alcalde de Trabada, Rubén García, sinala: “este ano decidimos ampliar o tempo de apertura da piscina municipal debido á boa acollida que vén tendo nos últimos anos. Queremos seguir potenciando este complexo deportivo como un espazo de referencia para o ocio familiar e o desfrute de persoas de todas as idades”.

Desde o Concello de Trabada animan á veciñanza e aos visitantes “a gozar destas instalacións durante os meses de verán, nun entorno pensado para o deporte, o descanso e a convivencia”.