O Concello de Trabada organiza unha viaxe ao País Vasco e a Castro Urdiales do 13 ao 15 de marzo

O Concello de Trabada dá continuidade ao programa Viaxa co Concello de Trabada, “unha iniciativa que conta cunha excelente acollida entre a veciñanza e que ten como obxectivo ofrecer alternativas de lecer, convivencia e descubrimento doutros territorios, sempre con todas as garantías de seguridade e organización”. Nesta nova edición o programa inclúe unha viaxe que terá lugar os días 13, 14 e 15 de marzo con destino a San Sebastián, Castro Urdiales, Bilbao e San Juan de Gaztelugatxe. O prezo da viaxe será de 265 euros por persoa.

O paquete inclúe seguro de viaxe, dúas noites en hotel de catro estrelas en habitación dobre, almorzos buffet de sábado e domingo, cea buffet os venres e sábados, comida o venres e o domingo, así como a entrada ao tren turístico en San Sebastián. A comida do sábado realizarase a través dunha ruta gastronómica por San Sebastián, non incluída no prezo.

O Concello de Trabada explica que “as prazas son limitadas e están dirixidas prioritariamente a veciños e veciñas empadroados no concello de Trabada e maiores de idade. A inscrición e o pagamento realizaranse nas oficinas municipais. O prazo de inscrición abrirase este martes, 27 de xaneiro, ás 9:00 horas, e permanecerá aberto ata o 6 de febreiro. No caso de quedaren prazas libres unha vez rematado o prazo, poderán participar persoas con familiares empadroados no concello, previa inscrición”.

O alcalde de Trabada, Rubén García, sinalou: “seguimos apostando por programas que permiten á nosa veciñanza gozar de experiencias culturais e turísticas, favorecendo tamén a convivencia e o envellecemento activo, sempre cunha organización segura e de calidade”.

Desde o Concello subliñan que “Viaxa co Concello de Trabada forma parte dunha liña de traballo orientada a ofrecer propostas atractivas para a veciñanza, facilitando o acceso a viaxes organizadas e contribuíndo ao benestar social e á participación activa dos veciños e veciñas do municipio”.