
Con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores, que se celebra este xoves, 1 de outubro, o Concello de Viveiro anuncia novas actividades dirixidas a este colectivo, que se incorporarán nos próximos meses ao programa de bailes de tarde. Entre as novidades figuran un torneo de tute por parellas e a habilitación dun espazo para xogar ao tute, ao parchís e a outros xogos de mesa.
O torneo celebrarase cunha xornada ao mes durante a tempada de bailes, prevista entre outubro e marzo. A duración e o calendario definitivo dependerán do número de parellas inscritas e da participación na convocatoria.
O Concello de Viveiro explica que “o espazo non estará reservado unicamente ás partidas do torneo. As persoas que se acheguen poderán tamén xogar ao tute de maneira libre ou participar noutras propostas, como o parchís e diferentes xogos de mesa. A participación estará aberta a toda a cidadanía, facilitando así que persoas de diferentes idades poidan compartir este espazo. Unha vez finalizado o torneo, o Concello valorará a continuidade da iniciativa e a posibilidade de manter o espazo aberto para que as persoas interesadas poidan seguir reuníndose e xogando de maneira libre”.
As novas actividades súmanse ao programa Viveiro baila, que regresa este sábado 3 de outubro ás 19:00 horas, no salón de actos do Conservatorio de Viveiro, coa actuación do dúo Miami.
A programación xa prevista continuará o 31 de outubro, co dúo Caramelo; o 28 de novembro, co dúo Mar Dávila; e o 20 de decembro, co dúo Dilema. As seguintes datas da tempada anunciaranse posteriormente.
Con estas propostas o Concello de Viveiro “amplía as actividades vinculadas ao programa de lecer para persoas maiores, incorporando novas opcións que se suman aos tradicionais bailes de tarde”.


