O Concello de Viveiro organiza os Xoves EnContados con espectáculos para o público infantil no parque Pernas Peón. Serán todos os xoves de xullo.

A Concellería de Cultura do Concello de Viveiro organiza este mes de xullo os ‘Xoves EnContados’, espectáculos de contacontos, narración oral, teatro, música e monicreques para un público infantil e familiar.

A primeira sesión do ciclo será este próximo xoves, 8 de xullo, ás 19:00 horas con ‘A máquina do tempo’, a cargo de Teatro Ghazafelhos; o 15 de xullo, Novos Lobos, de ‘Fantoches Baj’; o 22 de xullo ‘Estrafalaria’, de Atenea García, e o 29 de xullo ‘Patrimonio Cultural’, de Mamá Cabra.

“Este ano queremos que a cultura sexa segura para tod@s, estamos organizando actos culturais que chegarán a distintas partes de Viveiro, non só ó casco histórico. Comezamos con este ciclo de contos EnCONTAdos, pensados para desfrutar en familia e adicándollos os máis pequenos, para seguir fomentando a cultura dende a infancia”, asegura a concelleira de Cultura de Viveiro, Lara Fernández Fernández-Noriega.

A reserva de prazas para asistir aos espectáculos será de luns a venres de 09:30 a 14:00 horas no teléfono 676 877799. Máximo catro cadeiras por persoa.

Os espectáculos celebraranse con todos os protocolos Covid-19 vixentes, polo que prégase acudir 30 minutos antes do comezo. Será obrigatorio o uso de máscara e manter a distancia de seguridade.