O Concello e o Conservatorio de Viveiro organizan dous cursos de música para adultos en maio

O Concello de Viveiro e o Conservatorio Profesional de Música de Viveiro organizan dous novos cursos de música gratuítos dirixidos a adultos para o mes de maio.

Os cursos serán os de Iniciación á Linguaxe Musical, indicado para adultos sen coñecementos musicais, e de Iniciación á Batería, para adultos sen coñecementos do instrumento. Terán lugar os catro luns do mes de maio, en horario de 19:30 a 20:30 horas.

O prazo para as inscricións nos cursos, que contarán con prazas limitadas, rematará o día 12 de abril. As persoas interesadas poden anotarse na Secretaría do Conservatorio. Para máis información poden chamar ao número 982.560.486.

O concelleiro responsable do Conservatorio, Jesús Fernández, encadra estas iniciativas "na aposta do Concello pola promoción da música e por unha educación accesible a todas as persoas".
 
Pola súa banda a alcaldesa, María Loureiro, anima á veciñanza “a participar nestes cursos e nas demais iniciativas do conservatorio, xa que nunca é tarde para aprender música a pesar de que non se teñan coñecementos previos”.