O coñecido actor Federico Pérez actuará en Foz o 15 de abril na Sala Bahía. E Pepo Suevos estará o 16 en San Acisclo.

A Sala Bahía acollerá este sábado, día 15, ás 19 horas un monólogo de Federico Pérez, o popular actor, que é protagonista, entre outros, de Era Visto!, serie de  humor da Televisión de Galicia. Esta actuación, enmarcada dentro do ciclo municipal Teatro nas Parroquias, realízase coa colaboración da asociación de veciños Torques de Marzán. A entrada será de balde.

E continuando este ciclo, o domingo 16 será a quenda de Pepo Suevos, que actuará na antiga Escola de San Acisclo ás 18 horas, tamén con entrada gratuíta. Esta actuación realízase en colaboración coa asociación de veciños Río Ouro, de San Acisclo.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, invita “a tod@s @s veciñ@s a desfrutar destas actuacións e a aproveitar o sábado completo visitando a Festa do Berberecho e a actuación pola noite da orquestra El Combo Dominicano”.