O Coro Parroquial de Burela actuará o día de Noiteboa na igrexa de Vila do Medio. A Concellería de Turismo convida a asistir a este acto.

O Coro Parroquial actuará este luns, día 24, na igrexa de Vila do Medio ás 17:30 horas, segundo deu a coñecer o concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey. 

O edil burelés contou que “desde a Concellería de Turismo vimos de falar co cura de Burela, máis co Coro Parroquial, e aproveitando que estamos abrindo a igrexa de Vila do Medio para visitar o belén que fixeron alí os veciños decidimos facer un acto para darlle un pouquiño máis de relevancia, se cabe, ao belén”.

Fernández Rey subliñou que “o vindeiro luns, día de Noiteboa, imos facer alí unha actuación do Coro Parroquial con villancicos. Queremos invitar a todos os veciños e veciñas, que o teñan a ben, a acudir a este acto para que participen nel porque pensamos que vai ser bonito e entrañable para celebrar estas datas de Nadal”.

O concelleiro de Turismo quixo “agradecer a participación do Coro Parroquial neste acto e alí estaremos para disfrutar desa actuación, a partir das cinco e media”.