O desfile de Entroido de Lourenzá, que se celebrará o 18 de febreiro, repartirá 5.500 euros en premios.

A Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Lourenzá (Acial) e o Concello organizan o desfile do Domingo de Piñata, que terá lugar o 18 de febreiro.

O cartel deste desfile foi presentado polo presidente da asociación de comerciantes, Javier Huertas Otero, e a tesoureira, Mª Fe de la Barrera, ademais de pola alcaldesa laurentina, Rocío López. Este cartel foi realizado a partir do debuxo gañador do concurso do cartel de entroido de Lourenzá que foi de Sergio García Barrera de 8 anos.

Este ano repartiranse no desfile uns 5.500 euros en premios repartidos nas categorías infantil, que recibirá premios para grupos, parellas e individuais, e adultos con premios para individuais, parellas e grupos de 3 a 10 persoas e de máis de 10 integrantes. Tamén se entregarán premios nas categorías de carrozas, charangas e comparsas, e haberá un premio especial para o máis chistoso.

Este ano, como novidade, abrirá o desfile a charanga Vaitexa que sairá ás 16:00 horas do recinto feiral de Lourenzá e chegará á praza de Conde Santo.