O Día do Produto Local celébrase en Ribadeo o 11 de setembro nunha mañá chea de actividades para todos os públicos.

Este domingo, 11 de setembro, celebrarase no Mercado dos Domingos unha nova edición do Día do Produto Local, unha xornada para poñer en valor a compra e o consumo dos produtos de proximidade. 

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, explica que “por este motivo, ao longo da mañá do domingo, ademais da venda directa dos produtores e produtoras que forman parte habitualmente deste mercado, terán lugar unha serie de actividades para todos os públicos”.

O edil ribadense conta que “arredor das 11da mañá haberá  unha exposición, da man do CEFEA Pedro Murias, na que se amosarán as diferentes variedades de tomates, pementos e cabazas cultivadas no propio centro para despois disfrutar dunha degustación dos mesmos. Aprenderemos tamén un pouco máis sobre cultivos e os coidados nunha actividade para todas as idades, que se levará a cabo nun mini horto e onde se pretende que se aprendan os principais coidados que precisa”.

A música tamén estará presente no Día do Produto Local: “para animar a xornada, haberá coma sempre música de mercado, esta vez con ritmo de country e folk norteamericano da man de Hoot ´n Holler”.

Vizoso Galdo subliña que “coa celebración do Día do Produto Local quérese resaltar a gran importancia de comprar e consumir produtos de proximidade, que ademais de aportarnos unha alimentación saudable é unha maneira de contribuír a incrementar a sostibilidade e o desenvolvemento da nosa contorna”. 

O concelleiro de Desenvolvemento Local asegurou que “non hai mellor forma de facelo que convertendo a Praza de Abastos nun auténtico escaparate dos mellores produtos como se fai neste mercado, que xa é un referente da nosa zona”.