O Festival Folclórico Infantil, que organiza o Concello de Cervo, celebrarase o 22 de xullo na praza dos Campos en San Ciprián.

O Concello de Cervo convida a gozar do Festival Folklórico Infantil que se celebrará en San Ciprián o sábado 22 de xullo, da man do Grupo Mistura de Liero.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Cultura, Dolores García Caramés, presentaron a cita acompañados do Presidente do Grupo organizador, Claudio López, e da profesora dos pequenos, Claudia Muíño, xunto a unha representación precisamente dos membros máis novos do conxunto.

A cita terá lugar na Praza dos Campos, a partir das 19:00 horas, e está prevista a participación das seccións infantís de Ledicia de Burela, Os do 21 do Vicedo, Nova Semente de Celeiro, Río Miño de Portomarín e Mistura de Lieiro.

En total son máis de 100 os nenos e nenas os que actuarán nunha xornada na que o Concello de Cervo lles brindará un xantar de convivencia para os diferentes grupos e figuras de Cerámica de Sargadelos como agasallo en agradecemento pola súa participación; “agardando que gocen tanto os nenos como as familias que os acompañen do noso municipio, e tentando darlles a mellor acollida posible”.

Ese día haberá  ademais venda de empanada e bolos preñados para os asistentes.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, quixo felicitar ao Grupo Mistura por retomar a súa actividade este último ano e sinalou que  “dende o Concello prestamos toda a colaboración e o apoio que podemos ás asociacións do noso municipio que, como neste caso, fan un importante traballo a prol da Cultura Galega, achegando e facendo partícipes do noso Folklore ás novas xeracións, velando así pola súa conservación como ben patrimonial de primeira orde que é”.