O Foro Social da Mariña organiza unha mesa redonda sobre os servizos sociais, que terá lugar o 15 de xuño no Cenima, en Foz.

O Foro Social da Mariña quere ser un lugar de encontro, de intercambio de experiencias e de debate sobre as necesidades sociais. É unha entidade cívica que traballa a prol dos valores democráticos e dos dereitos sociais. 

A asociación constituíuse o 25 de novembro de 2022 e ficou inscrita no rexistro de asociacións o 15 de decembro. A partir desta data comezan as reunións e encontros destinados a programar actividades e actos acordes aos seus fins. 
A directiva a integran desde o 25 de novembro as seguintes persoas: Xusto Fernández Haro ( Presidente ), Isabel Vilalba Seivane ( Vicepresidenta ), Manuel Parga Núñez ( Secretario ), Xosé Luís Fernández Rivera ( Tesoureiro ), e Carlos Nuevo Cal, Xosé Lois López Rábade, Antonio Villarino Rego e Xoel Geada Geada como vogais. 

Na actualidade integran o Foro unhas 50 persoas con presenza en distintas localidades da comarca e non temos local propio. 

Os obxectivos do Foro son: 
- A defensa e promoción dos valores democráticos, das liberdades e dereitos individuais e colectivos. 
- Colaborar e/ou coordinar a realización de actividades con outras entidades e colectivos en materia de memoria histórica, igualdade de xénero, pacifismo, ecoloxismo, antirracismo, multiculturalismo,etc. 
- Defensa e promoción dos dereitos humanos e dunha ética da tolerancia. 

Para levar a cabo os seus fins, o Foro poderá organizar as seguintes actividades: 
- Charlas, conferencias, xornadas, seminarios e obradoiros. 
- Homenaxes e recoñecementos a persoas ou entidades. 
- Elaboración de materiais e publicacións. 
- Creación de páxina web, de espazos de convivencia, etc. 

Neste momento organizan para o 15 de xuño, no Cenima de Foz, unha mesa redonda sobre “Servizos Sociais: dereito ou negocio? E preparan outras dúas mesas redondas para o mes de xullo. 

Desde o Foro Social da Mariña sinalan: “a problemática á que nos enfrontamos ven derivada do avance da extrema dereita como fenómeno global totalitario,que pon en perigo o sistema democrático e a súa necesaria profundización e os dereitos sociais conqueridos. Nós pretendemos enfrontar esta problemática desde a acción socio – cultural; en coordinación con outras entidades e colectivos.  Utilizamos as infraestruturas públicas para as nosas actividades e a medida que vaiamos implementando unha programación máis elaborada e ambiciosa é posible que precisemos dun maior apoio. É unha cuestión a valorar no seu momento. 
Estamos nunha fase inicial na que é importante a incorporación activa de máis efectivos ao Foro e de irmos consolidando unha dinámica de traballo aberta e participativa, desde a pluralidade e a horizontalidade. Coa asociación queremos conseguir a complicidade e apoio das xentes da Mariña nos obxectivos enunciados e actuar como un punto de encontro”.