O fútbol Gaélico chega a Burela este sábado, 13 de outubro, da man da Asociación Galega desta disciplina. Haberá un adestramento no campo da Marosa.

Burela acollerá este sábado, 13 de outubro, un adestramento de fútbol gaélico aberto ao público en xeral. Será no campo de fútbol de A Marosa a partires das 19:00 horas.

O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, dixo que “dende a Delegación de Deportes de Burela queremos anunciar que o sábado vai ter lugar un adestramento de fútbol gaélico nas instalacións do campo de fútbol da Marosa ás sete da tarde. A Asociación Galega de Fútbol Gaélico púxose en contacto comigo como concelleiro para levar a cabo este adestramento”.

O edil explicou que “nos parece unha moi boa idea. É un deporte novo que ademais temos a sorte de contar con deportistas de Burela que están na selección e practicando esta disciplina. Vimos unha oportunidade tamén para achegar un pouquiño esta modalidade deportiva a todos os veciños que estean interesados en ver o funcionamento desta nova modalidade”.

Fernández Rey quixo “darlles as grazas tanto á Asociación Galega de Fútbol Gaélico como á Sociedade Deportiva Burela, que tamén está un pouco involucrada neste tema. Darlles as grazas por darnos a oportunidade e por achegar este deporte a Burela. Esperemos que sexa un éxito e que a participación da xente sexa a máxima posible”.