O grupo de acordeóns Lagunak actuará o 14 de decembro en Ribadeo, na residencia de maiores e no Teatro. E o 15 será a quenda para Palimoco Teatro.

Este sábado, 14 de decembro, terá lugar en Ribadeo un concerto do grupo Lagunak. Será no Cine Teatro ás 20:00 horas. O prezo da entrada é de 3 euros. Este grupo fará ademais unha visita á nova residencia de maiores, ese mesmo sábado ás 18:00 horas.

O domingo, 15 de decembro, o grupo Palimoco Teatro presentará Queres que cho conte?. Haberá dúas actuacións, unha na Residencia de Maiores ás 12:00 horas; e outra no Auditorio Municipal ás 17:30 horas. O prezo da entrada é de 3 euros.

Trátase de oito contos da nosa tradición oral recollidos pola provincia de Lugo e protagonizados por animais, algunha persoa e elementos como o vento, a auga e o lume. A posta en escena do espectáculo conta con cinco intérpretes que, a través da lectura dramatizada apoiada nas músicas orixinais compostas para este proxecto, lévanos a un universo de contos e tradición.

O elenco de actores está composto por Santi Romay, María Roja, Paloma Lugilde, Sabela Eiriz e Sergio Zearreta. A actividade está incluída no programa Apego.