O IES de Foz elabora catro preparacións para degustar na XXIV Festa do Berberecho e 14 locais hostaleiros ofrecerán tapas de chícaros e mexillóns

O IES de Foz elabora castro preparacións para degustar na Festa da Berberecho, que se celebra esta fin de semana, e 14 establecementos hostaleiros focegos ofrecerán tapas de chícaros e mexillóns

A Xunta de Galicia explicou que “a directora territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Sagrario Sánchez, participou este xoves presentación dos menús que ofrecerá esta fin de semana o IES de Foz na XXIV Festa do Berberecho. O instituto xoga un papel destacado nesta cita gastronómica, xa que as racións de berberechos e mexillóns son elaboradas por alumnado dos ciclos da familia de Hostalería do centro educativo. Os menús son propostos polos estudantes, que traballan durante toda a semana na preparación dos pratos. Nesta edición servirán  200 quilos de berberechos ao vapor; 100 quilos de berberechos con guacamole; 200 quilos de ensaladilla de mexillón en escabeche e 200 quilos de mexillón tigre. Os encargados de ofrecer as degustacións serán os alumnos do ciclo medio de Servizos de Restauración. Ademais, os asistentes poderán degustar café na furgoneta Kahvevan do IES, que se trasladará ao recinto da festa.

A directora territorial da Consellería felicitou ao instituto “polo seu dinamismo e pola súa implicación en todo tipo de iniciativas que lle dan visibilidade á calidade das ensinanzas  que imparte o centro. Tamén destacou que estas actividades ofrecen aos futuros profesionais da Hostalería a oportunidade de formarse nun entorno real de traballo”.

Por outra parte, o presidente de Acia Foz-CCA, José Carlos Paleo, indicou: “un ano máis queremos sumarnos á Festa do Berberecho de Foz rendéndolle homenaxe cunha fin de semana de chícaros e mexillóns en 14 locais hostaleiros, que ofrecerán diferentes preparacións de ambos bivalvos”. Paleo dixo tamén: “animamos a veciñanza e visitantes a saborear as preparacións que atoparán na hostalería local e tamén na carpa instalada no peirao. Agardamos que esta cita gastronómica repita o éxito das pasadas edicións”.

Na Finde de Chícaros e Mexillóns en Foz participan A Funcional, A Rambla-Pachán, Anduriña, Augas Santas, Cafetería Leytón, Casa Damián, Dandy, Happys Days, Mexideli, O Muelle Bar, Pizzería Xoíña, Portochico, Restaurante Xoíña e Tangarte.

Para esta campaña de homenaxe á XXIV Festa do Berberecho Acia Foz-CCA conta coa colaboración da Xunta de Galicia, Comercio Galego e Concello de Foz.