O IES de Foz rexistra un récord de inscritos nos certames de baristas, con 26 centros de España, Italia e Portugal. Serán do 25 ao 27 de febreiro

O IES de Foz celebrará entre os días 25 e 27 de febreiro unha nova edición dos certames de baristas, que baten o récord de inscritos ao contar con 26 centros de hostalería procedentes de 14 comunidades autónomas españolas, de Viana do Castelo (Portugal) e de Brescia (Italia).

A Xunta de Galicia explica que “o instituto, que depende da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, presentou este martes a programación da XVIII edición do Campionato de Baristas e da XIII edición do Campionato de Cata. No acto participou a directora territorial da consellería en Lugo, Sagrario Sánchez, que gabou o traballo que realiza a comunidade educativa e agradeceu o apoio dos máis de medio cento de patrocinadores e colaboradores”. Tamén asistiu á presentación o alcalde de Foz, Fran Cajoto.

O evento comezará o mércores 25 ás 16:00 horas coa recepción do alumnado participante e ás 19:00 horas farase a primeira proba de cata. Á entrada do salón de actos estará instalada a KahvehVAN, a furgoneta gastronómica do centro, onde os asistentes poderán degustar os cafés de 11 torradores diferentes elaborados por baristas profesionais.