O IX Festival de Jazz & Blues de Ribadeo desenvolverase do 2 ao 9 de decembro. As entradas están xa á venda

O IX Festival de Jazz & Blues de Ribadeo desenvolverase do 2 ao 9 de decembro. Están programados catro concertos no Auditorio Municipal. As entradas están xa á venda. Na presentación participaron o alcalde, Deni Vega, e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. 

A edil ribadense contou que “do 2 ao 9 de decembro terá lugar en Ribadeo a novena edición do Festival de Jazz & Blues. Temos programados 4 concertos, que serán no Auditorio Municipal Hernán Naval ás 20:30 horas. As entradas xa se atopan á venda en www.ataquilla.com O prezo oscila entre os 10 e os 15 euros”. 

Sanjurjo explicou que “o día 2 estará en Ribadeo Andrea Motis, o 6 de decembro gozaremos de Drumless Trío, o día 8 contaremos coa actuación de The Cinelli Brothers e o 9 culminaremos esta novena edición con All4 Gospel Choir”.

A concelleira de Cultura declarou: “sobre os protagonistas dos concertos dicir que Andrea Motis, é cantante, trompetista e saxofonista. Con 16 anos tivo a oportunidade de traballar con Quincy Jones. Ten publicados 10 discos e é unha das maiores expoñentes do jazz nacional e internacional. Marcos Pin, Abe Rábade e Alfonso Morán forman Drumless Trío, que se presenta como unha formación diferente, interesante e atractiva. Prometen descubrir fórmulas e elaborar novas receitas cargadas de exquisitez no seu son. The Cinelli Brothers naceu dunha paixón común polo blues eléctrico de Chicago e Texas dos anos 60 e 70. Esta banda apareceu en numerosas revistas de prestixio posicionándose como a máis alternativa europea ás estrellas de USA.E All4 Gospel Choir é un dos coros que irrumpiu na escena nacional con maior forza nos últimos tempos. Levan máis de 15 anos sendo un referente da música gospel en España”.

O Festival de Jazz & Blues está organizado por Game Over coa colaboración do Concello de Ribadeo e da Xunta de Galicia.  

Begoña Sanjurjo anima a asistir a este evento musical: “queremos animar aos amantes do jazz e do blues, aos amantes da boa música en directo, a achegarse a Ribadeo a gozar do noveno Festival de Jazz e Blues, do 2 ao 9 de decembro”.