O Lugo Termal, que organiza a Deputación, contará neste 2021 con máis prazas. Tamén arrincaron as rutas en catamarán.

A Deputación de Lugo aprobou, na Xunta de Goberno celebrada este xoves, unha nova edición do programa Lugo Termal, que este ano contará con máis beneficiarios. Tal e como anunciou a voceira socialista do Goberno e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, como novidade para aumentar o retorno económico do programa no establecementos termais da provincia, poderán gozar dos descontos nos balnearios de Lugo, Pambre e Pantón os maiores de 50 anos, que terán tamén a posibilidade de acudir a estes establecementos cun acompañante que non teña necesariamente esta idade.

“Esta novidade aumentará o beneficio do programa para os balnearios da provincia cando máis o necesitan polo grave impacto das restricións sanitarias provocadas pola crise da Covid-19”, asegurou García Porto, que lembrou que esta é unha das medidas incluídas no Plan de Impulso da Economía da Provincia que lanzou a Deputación de Lugo para “apoiar, promocionar e incentivar o consumo nos sectores económicos máis afectados polas restricións sanitarias, sobre todo o turismo, a hostalería e o comercio local”.

O programa Lugo Termal, que está previsto que empece cara o mes de xuño e que continúe ata finais de ano respectando as medidas de prevención da Covid-19 que establezan as autoridades sanitarias, ofrece descontos aos veciños e veciñas da provincia para facilitarlles o acceso aos balnearios de Lugo, Pambre e Pantón –os tres que funcionan a día de hoxe na provincia-, e que poidan recibir terapias mineromedicinais a un prezo reducido.

A Deputación de Lugo favorece, con este programa, o benestar social e a saúde, e, ao mesmo tempo,dá un apoio directo aos balnearios “cando máis o necesitan polo grave impacto da pandemia na actividade destes negocios”, explicou a voceira socialista do Goberno. 

“Coa aprobación do Lugo Termal  na Xunta de Goberno estamos traballando con previsión, tendo en conta que a día de hoxe os balnearios aínda están pechados. Tamén nos estamos adiantando a outras administracións, como a Xunta de Galicia, que aínda non anunciou  cal é a previsión sobre o seu programa de apoio a estes establecementos”, recalcouPilar García Porto.

Nesta edición de Lugo Termal ofrécense un mínimo de 1.600 prazas, case 300 máis que o ano pasado. Destas prazas, 1.000 serán na modalidade de estancia e 600 na modalidade sen estancia.

As persoas que elixan quedar a durmir nos establecementos poderán estar 6 días e 5 noites en réxime de pensión completa. Neses días, inclúense 15 tratamentos como mínimo con diferentes técnicas termais adaptadas a cada persoa.Os descontos serán cando menos de 60€ por persoa beneficiaria. Ademais, os bonos  non se van condicionar a datas concretas, senón que o período será flexible para que se poidan aproveitar ó máximo ao longo do ano. 

Arrancan as rutas en catamarán
Fóra dos asuntos da orde do día da Xunta de Goberno, a Deputada de Turismo lembrou que o día de San Xosé arrancou a nova temporada das rutas en catamaráns pola Ribeira Sacra da Deputación de Lugo.

García Porto anunciou que no embarcadoiro de Ponte do Sil, en Monforte, “faremos un acto para celebrar que este ano podemos comezar antes con esta iniciativa turística que, sen ningunha dúbida, ten un importante retorno económico no sector servicios da Ribeira Sacra”. 

A día de hoxe, hai máis de 500 reservas para as rutas polos leitos do Miño e do Sil, unha cifra importante, tendo en conta as restricións sanitarias e a incerteza que estas limitacións provocan.

“Queremos animar aos veciños e veciñas da provincia a que se decidan a gozar destas viaxes en catamarán pola Ribeira Sacra, unha alternativa de ocio segura, na que temos implantadas todas as medidas de seguridade para a prevención da Covid, e coa que poderán descubrir ou redescubrir unha paisaxe única, que aspira a ser declarada Patrimonio da Humanidade no vindeiro mes de xuño”, dixo a voceira socialista do Goberno provincial.