O mel Ouro Puro, de Alfoz, foi elixido o mellor de Galicia na categoría de monofloral. O seu responsable, Iván Marrube, recibiu o premio en Santiago.

O mel Ouro Puro, de Alfoz, foi elixido o mellor de Galicia na XIX Cata dos Meles organizada pola Consellería de Medio Rural e a Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, que contou coa participación de 37 mostras deste produto. O conselleiro, José González Vázquez, entregoulle esta distinción ao responsable de Ouro Puro, Iván Marrube, nun acto celebrado hoxe, xoves, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

Iván Marrube está moi contento por acadar este premio na primeira vez que presentou o seu mel a unha cata e explica: “levamos producindo mel desde o ano 2012 coa marca Ouro Puro, que é un proxecto que puxemos en marcha para crear unha firma galega de produtos de primeira calidade. Isto dános forzas para continuar nesta liña de traballo”.